Saturday 18 de May de 2024

As instalacións da piscina Iván Raña abren as súas portas con máis de 15 disciplinas no programa de actividades


Hipopresivos, GAP, Free Dance, Danza urbana infantil, Cross Training, Lombo san, TBC e Aquazumba son as principais novidades que poderán poñer en práctica a partir de setembro os usuarios e usuarias

As instalacións da piscina Iván Raña volven a abrir ao público, tras o período vacacional, cunha ampla e renovada oferta de actividades. En total son 17 modalidades para todos os gustos, preferencias e necesidades, dirixidas a xente de todas as idades e sempre baixo a supervisión de profesionais titulados do ámbito deportivo. Os horarios repártense de luns a venres dende as 10 ata as 21.45 horas e é necesario ser socio das instalacións para poder participar nas clases.

Como novidades para este ano destacan as seguintes actividades:

• Hipopresivos: Exercicios posturais e respiratorios idóneos para previr patoloxías e achegar melloras de rendemento físico e estéticas. Altamente beneficiosos para o período postparto.
• GAP 30´: Sesión de 30 minutos destinada ao fortalecemento muscular de glúteos, abdome e pernas.
• Free Dance: Combinación de baile e exercicio físico ao ritmo dos estilos da música máis actual. Dirixido para as persoas que queiran ver mellorada a resistencia cardiovascular e a coordinación.
• Danza urbana infantil: Para nenos e nenas de 8 a 16 anos. Coreografías de estilos urbanos baseadas no hip-hop, funky, break dance etc.
• Cross Training: Adestramento de forza e acondicionamento mediante exercicios de intensidade.
• Lombo san: Fortalecemento e tonificación de músculos para previr ou evitar problemas de costas. Traballo en áreas que abranguen as cervicais, dorsais ou lumbares.
• TBC: Forma de exercicio divertida e efectiva composta de exercicios variados executados por intervalos.
• Aquazumba: Combina a actividade de Zumba coa resistencia que ofrece a auga, propiciando un impacto menor nas articulacións e facilitando a tonificación muscular.

Ademais destas disciplinas o Concello de Ordes volve repetir outras impartidas ata o de agora dado o alto nivel de participación. Este é o caso de Tonificación, Aquagym, Zumba (adultos e infantil), Cardio Box, Stretching, Aerostep, Pilates, Zumba infantil e Acondicionamento físico sénior.